Declaración de Pontevedra
25/04/2003
- Opinión
A iniciativa de distintos intelectuais participantes na XX Semana
Galega de Filosofía púxose en circulación a chamada "Declaración
de Pontevedra" de solidariedade con Cuba á que nos tres primeiros
días xa se sumaron máis de duascentas persoas. James Petras
(Estados Unidos), Alfonso Sastre (Euskadi), Raul Fornet-
Betancourt (Alemania) e Xosé Luís Méndez Ferrín (Galiza) son
algúns dos asinantes.
A "Declaración de Pontevedra" que reclama a independencia de Cuba
comezará a circular en distintas páxinas de Internet e sumará
apoios ata o próximo día 17 de maio, data na que se cumpre o
aniversario do inicio do bloqueo americano producido como
represalia pola reforma agraria. No texto da Declaración
maniféstase a "inquedanza diante do feito, que semella evidente,
de que Cuba está incluída na actual estratexia agresiva do
Imperio americano; tamén, ante todo, procuramos explicitar o noso
recoñecemento á significación mundial da Revolución Cubana dende
a data do seu triunfo en 1959 ata hoxe en día" e expresa a
solidariedade cos intelectuais e artistas cubanos residentes na
illa. Desexan os promotores da iniciativa que a Declaración
elaborada en Pontevedra "sexa asinada por outros colegas desde
distintas perspectivas ideolóxicas e políticas, tal como é o noso
caso". O texto elaborouse no marco da XX Semana Galega de
Filosofía organizada en Pontevedra dos días 21 a 25 de abril por
vontade de varios intelectuais convocados para o congreso pola
Aula Castelao de Filosofía. Máis de duascentas persoas asinaron
o documento nos días que estivo exposto ao público e agora bota a
rodar pola rede en varias páxinas electrónicas de distintas
organizacións. Ademáis de James Petras, Alfonso Sastre, Raul
Fornet-Betancourt e Xosé Luís Méndez Ferrín, asinaron a
Declaración de Pontevedra os profesores Ramón Regueira, X.L.
Barreiro Barreiro, Carme Adán e Antón Fernández e máis de
douscentos congresistas.
Cuba: Declaración de Pontevedra (TEXTO ÍNTEGRO)
Quen subscribimos esta Declaración facémolo para manifestarmos a
nosa inquedanza diante do feito, que semella evidente, de que
Cuba está incluida na actual estratexia agresiva do Imperio
americano; tamén, ante todo, procuramos explicitar o noso
recoñecemento á significación mundial da Revolución Cuana dende a
data do seu triunfo en 1959 ata hoxe en día.
A nosa Declaración é, así mesmo, un miúdo aceno de franca
solidariedade cos intelectuais e artistas cubanos, residentes na
Illa, que veñen de manifestar o seu desacougo de desaprobación
"ós intelectuais de España e do resto do mundo" que teñen
condenado, facendo caso omiso da situación que actualmente vive
Cuba, os recentes acontecementos ocorridos acolá.
Expresamos, ademais, a nosa arela de que a presente Declaración,
feita hoxe en Pontevedra, ha de ser asinada por outros colegas
dende distintas perspectivas ideolóxicas e políticas, tal como é
o noso caso.
Pontevedra a 26 de abril de 2003
https://www.alainet.org/es/node/107415